Os centros educativos de Ribadeo lembran a El Viejo Pancho no centenario do seu pasamento
Con motivo da celebración do centenario da morte de José A. Trelles “ El Viejo Pancho” o Concello de Ribadeo puxo en marcha durante os meses de Abril, Maio e Xuño o proxecto cultural “100 anos sen El Viejo Pancho”, dirixido ao alumnado dos diferentes centros educativos da vila de Ribadeo.
Devandito proxecto consistiu na visita guiada a unha exposición que recollía a vida e obra deste ilustre personaxe e o desenvolvemento dunha serie de actividades de animación cultural que buscaron afianzar entre os mais mozos e mozas o coñecemento da figura deste escritor.
550 escolares visitaron a exposición e participaron nas diferentes actividades deseñadas para cada ciclo educativo.
Así aos mais pequenos presentámoslles a figura do gaucho, tan presente na poesía de El Viejo Pancho e por un día convertéronse nun, co seu poncho, a súa faixa, o seu pano, o seu facón ou o seu cabalo.
Os nenos e nenas de primaria descubriron xogos gauchescos como as tabas ou o sapo e participaron nunha xincana polos lugares da vila de Ribadeo nos que a figura de El Viejo Pancho está máis presente como a casa onde naceu ou a biblioteca municipal que leva o seu nome.
Pola súa banda, cos alumnos da ESO buscamos profundar na súa vida e poesía a través dun concurso de poesía e outro de vídeos de tiktok. Coa axuda dunha unidade didáctica que lles facilitamos na visita á exposición, as clases de primeiro e segundo da ESO tiveron que escribir un poema no que estivesen presentes varios termos gauchescos, mentres que os terceiros e cuartos tras a visita á exposición e por equipos elaboraron un vídeo curto no que debían aparecer lugares nos que o escritor segue presente nesta vila como o busto do parque San Francisco.
Video gañador do concurso de Tiktok
Este proxecto foi programado e executado polo alumnado da especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, dentro do Obradoiro de Emprego Tecendo Coidados que se está levando a cabo no concello.