background

El Viejo Pancho

A súa vida

Texto de Xulio Xiz / Supervisión de Gustavo San Román

A SÚA VIDA

José María Alonso Trelles y Jarén naceu en Ribadeo o 7 de maio de 1857 na daquela chamada Calle de las Angustias e logo de Antonio Otero. En 1946 a un tramo da rúa mantívoselle o nome, e á outra parte, onde está a casa natal do escritor, déuselle o de "El Viejo Pancho". Era fillo de Francisco Alonso Trelles (asturiano) e Vicenta Jarén (galega). O mesmo día foi bautizado na igrexa parroquial de Santa María do Campo.

Seu pai fora nomeado polo concello de Ribadeo en 1847 axudante da escola de instrucción elemental da vila. Casara en primeiras nupcias con Manuela García, da que enviuvou, sen fillos. Casaría con Vicenta Jarén en 1848.

Aos 6 anos, a familia -ademáis de José, os fillos Paco (que morrería na emigración de Puerto Rico), Ramón, Carmen e Amalia- marchou a Navia (Asturias), onde seu pai ten praza como director da escola da localidade. Na escola é amigo dun neno tres anos maior, Rafael Fernández Calzada, que tamén emigraría a América onde acadaría relevancia política e literaria. Como conta el mesmo nun texto tardío que titulou "Autobiografía" (do que seguiremos citando):

A los siete años era periodista y fabricante de estampitas para cartas de amor. Preparaba, con carbón en polvo, papel de calcar, y en menos tiempos del que emplea un cura cuerdo en cantar el “Dies Irae” en funeral de cinco pesos, tiraba tres ejemplares (para tres únicos suscriptores que no pagaban y que posiblemente no sabían leer), de un “semanario” que salía una vez por mes. Con el producto de las estampilllas postales pagaba el cartero que distribuía entre la grey infantil cartas amorosas y que un día sí y otro no también recibía un plus de patadas en parte muelle. A la altura de su brazo no había en la villa pared enjabelgada que no profanara con monos “prerafaelistas” su  pecadora mano.

Sábese que xa de neno era devoto do fútbol, e o Club Central de Uruguai, nun diploma que lle concedeu como autor de “Paja brava”, afirma que o libro é un “formidable goal” que o consagra “Campión da xenuina versificación criolla”.

Na adolescencia volve a Ribadeo para estudar peritaxe mercantil na Escola de Náutica e Comercio entre outubro de 1872 e xuño de 1875. Apunta Gustavo San Román -recorrendo a Dionisio Gamallo Fierros- que “sacou un sobresaínte en Contabilidade pero non se presenta ou non aproba Geografía fabril o comercial”.

En la cabeza no había quien le hiciese entrar ni conjugaciones ni logaritmos, lo que no obstó para que le obligaran a cursar la carrera de comercio y “doctorarse” perito mercantil. Para después, en vitandas distracciones, “poblar” de monos y cuartetas ripiosas las márgentes del “Diario” y del “Mayor”.

Emigrou aos 18 anos á Arxentina cun compañeiro de estudo, Emilio Rodríguez, ("Arribó a esta América siendo muy niño, sin sueños de ambición"), vivindo dous anos en Chivilcoi (Bs. Aires), para despois establecerse en Montevideo (setembro de 1877), e por fin en El Tala, do departamento de Canelones (Uruguai), distante uns oitenta quilómetros da capital.

Cando chega a Uruguai, os inmigrantes son xeralmente ben acollidos, e a realidade é que a cuarta parte dos habitantes do país eran españois, e destes, o sesenta por cento galegos. Naqueles tempos, o gaucho seminómada, loitador nas guerras de independencia nas filas dos caudillos criollos, converteríase en peón rural eventual.    

El Tala fundárase uns anos antes para asentar familias inmigrantes, especialmente canarias. Aínda agora, aos habitantes de Canelones chámanlles canarios.

Vacilando entre irse a la Pampa en busca de “Martín Fierro”, o rendirse al yugo de la civilización, optó – no sin honda pena – por lo último, y se vino al Uruguay. Donde, mientras “barbaba” escribió medio millón de renglones desiguales, que leyó él solo y quemó a el fuego misericorde, no salvándose otra cosa que un poema, Juan el Loco, que le publicó su hermano de corazón y maestro, el malogrado poeta Orosmán Moratorio, y del que no tuvieron conocimiento las autoridades, porque no se sabe que estuviera recluido en Vilardebó (Hospital psiquiátrico de Montevideo) el autor, se entiende.

En 1881 trasládase a Río Grande do Sul, no Brasil, para traballar de tenedor de libros nunha casa comercial, onde estivo tres meses enfermo polo cambio de clima. 

Un año antes de casarse se trasladó a la provincia de Rio Grande (sur de Brasil), donde permaneció  cuatro años regenteando una casa de comercio. Y tuvo ocasión de convivir con la gente del campo, estudiar sus costumbres y mezclarse a sus faenas ganaderas. Todo lo que había de determinar más tarde sus preferencias literarias.

En El Tala (antes e despois do tempo no Brasil) traballou como contador nun comercio, casando (31.08.1882) cunha das fillas de Juan Riccetto, o dono, Dolores Riccetto Asuaga.

Seu pai faleceu en Navia (Asturias), o 21 de marzo de 1883.

A primeira filla, Vicentina, nacería en 1884. Pasaron logo a vivir a Sarandí Garupa, para volver a El Tala en 1887.

Retornó a Canelones en 1887, sentando sus reales en el Tala, - que él  llama irónicamente “su Arcadia” – y antes de revelarse grafómano irredimible en la prensa departamental.

En Tala foi socio do seu sogro no negocio comercial, para logo (1894) dedicarse ao estudo libre do Notariado na Facultad de Derecho de Montevideo.

Exigencias económicas que minaron el alcázar de sus sueños, sometiéronlo al imperio de las realidades dolorosas, y sintiendo que algo faltaba a su capacidad para no caer vencido en la lucha por el mendrugo, cursó la carrera del notariado, alternando el estudio del derecho con sus lecturas favoritas.

En 1892 envía á súa nai un “Devocionario castellano”, editado en París, o que evidencia a súa preocupación relixiosa.

Autocaricatura de Alonso y Trelles (01/09/1895)

En maio de 1895 falece a súa primeira filla, Vicentina. Escríbelle a súa nai unha carta ateigada de dor. A perda da filla faille escribir:

Con la ansiosa pupila dilatada
voy buscando tu imagen en las sombras,
y apercibo mi oído en el silencio,
para oír si me nombras.
Porque sueño en que tú ¡pobre hija mía!
para atenuar de mi dolor el peso,
el cielo has de dejar por consolarme,
del cielo has de venir a darme un beso.

Integrado na sociedade de El Tala, foi secretario da primeira Comisión Auxiliar da cidade e vicepresidente da Sociedad Cosmopolita de Socorros Mutuos.

O 25 de setembro de 1902 adquire a nacionalidade uruguaia (“después de vencer escrúpulos casi irreductibles”, confesa) que lle era imprescindible para exercer o Notariado.    

En outubro de 1906, embarcou para España para visitar a súa nai, que vivía en Castropol, e aos seus irmáns Ramón (xefe de Teléfonos en Castropol), Carmen e Amalia (mestras). Estivo en Ribadeo en novembro. O 23 de decembro emprendeu en Vigo o regreso.

En 1908 foi elixido Deputado do Parlamento Nacional uruguaio polo departamento de Canelones dentro do Partido Branco ou Nacionalista, destacando polo seu talento, a súa elocuencia e a defensa do poder municipal. Estaría no cargo ata 1911.

Cando accede ao Parlamento, o periódico “El Derecho”, aínda que de inspiración diferente, di del que é “Home de intelixencia clara e sotil” que “no seu modesto retiro do Tala, ten estudiado moito, posuíndo unha vasta erudición literaria, coñecementos xerais extensos en cuestións sociais, que o habilitarán para tratar con acerto as que se susciten no seo da cámara”.

En febreiro de 1909, a súa nai faleceu en Castropol.

Despois de 1911 pasou a vivir a Montevideo polos estudos dun fillo.

O 8 de xaneiro de 1922 a cidade de San José, unha das máis populosas do país, aclámao como o mellor cantor gauchesco e a Municipalidad de El Tala dálle o seu nome a unha rúa.

En outubro de 1923 comeza en Montevideo un ciclo de conferencias sobre a vida e obra do autor, con repercusión en todo o país.

Reséntese a súa saúde, que se complica cunha peritonite, e morreu en Montevideo, no Sanatorio Español, o 28 de xullo de 1924. O seu cadáver foi trasladado polo campo desde Montevideo a El Tala, para ser soterrado no cemiterio da súa Arcadia vital.

Hoy que cansao de penar
Le tengo hasta asco al vivir,
Y se me hace que morir
Es no más que descansar…

Na súa partida de defunción consta como “español (c.legal)” de 64 anos, de profesión “literato”, casado con Dolores Ricceto, que deixa seis fillos: Josefina, Lola, Aída, Francisco, Homero e Aribán. A indicación “c. legal” quere indicar que era “cidadán oriental (uruguaio) legal”. Realmente, faleceu con 67 anos, pero houbo un erro ao rexistrar o deceso.

VIDA DESPOIS DA VIDA

Anos despois da súa morte, Carlos Gardel, que consideraba a El Viejo Pancho “un monumento”, rendeulle homenaxe de admiración, cantando e gravando catro cancións sobre poemas do noso persoeiro.

  • "Hopa, hopa, hopa!”, gravada en Buenos Aires en 1927, con música de Roberto Fugazot, canta o diálogo cun arrieiro que personifica o desengano.

  • “Insomnio”, con música de Américo Chirif (Bs. Aires, 1927), con lembranzas amorosas da mocidade que fan que a un vello lle resulten tan longas as noites de inverno.

  • “Como todas” (Chirif. París, 1929) é a historia dun gaucho finado que fora traizoado polo seu amor.

  • “Misterio” (Chirif. 1930), é un canto de amor e de desdén.

O cantautor Alfredo Zitarrosa, nunha das súas cancións, recolle o poema “De la lucha”, Julio Sosa cantou “Como todas”, e Eduardo Fabini musicou “Luz mala”, “Remedio” e “La güeya”.         

En 1941, déronlle o seu nome a unha rúa e unha praza no barrio de Pocitos, en Montevideo. E en 1943 plantouse un “ceibo”, árbore nacional uruguaia, e colocouse unha placa conmemorativa na praza do seu nome.

En 1946 rendeuse en Ribadeo unha gran homenaxe a Trelles, promovida polo escritor e profesor ribadense Dionisio Gamallo Fierros ao cumprirse os 22 anos da súa morte. Dionisio Gamallo Fierros (daquela) e Gustavo San Román (na actualidade) téñense acreditado como os perfectos coñecedores e maiores devotos de “El Viejo Pancho”

O punto de partida hai que buscalo en que Gamallo, xunto co Consul uruguaio na Coruña, Raimundo J. Pascal, falaron de Trelles en R.N.E. (13 de marzo), nova que cruzou o Atlántico, espertando o interese en Galicia e no Uruguai. Dous días despois, no Paraninfo da Deputación provincial de Lugo, pronunciou  a conferencia “Un provinciano de Lugo: José Alonso Trelles, El Viejo Pancho”.

El Progreso, 15/01/1946

Na homenaxe -en marzo e xullo- houbo charlas, concursos, concertos, misa, discursos, actuacións musicais e da Coral de Ribadeo, bailes, recitais poéticos, exposición de arte e un partido de fútbol entre Navia e Ribadeo, participando nos actos representantes de Navia, Vegadeo, Castropol e Figueras. No nome da familia agradeceu a homenaxe Paquita A. Trelles, sobriña do autor.

El Progreso, 28/07/1946

Na Comisión organizadora, da que Gamallo foi Secretario, e da que formaron parte o Reitor da Universidade de Santiago, o Presidente da Real Academia Galega, o  Gobernador civil, e ademais de escritores e periodistas, tamén aceptou formar parte o ministro de España no Uruguai, Juan Pablo de Logendio.

Renomeouse co seu nome un tramo da rúa onde nacera o poeta, e colocouse unha placa na casa familiar, obra do escultor ribadense José G. de Sela. O texto da placa, escrito por Gamallo, proclama que

Aquí nació -para no morir- el 7 de mayo de 1857, 
un ribadense universal: el poeta  
JOSÉ M.ª ALONSO-TRELLES Y JARÉN,     
que bajo el seudónimo patriarcal y campero de 
“EL VIEJO PANCHO” 
llegó a considerarse como el más alto intérprete 
de la psicología criolla uruguaya. 
Falleció en El Tala el 28 de Julio de 1924. 
Su pueblo natal le ofrenda esta lápida conmemorativa.        .

A viúva do escritor fixo chegar ao alcalde ribadense o seu agradecemento e o dos seus fillos pola homenaxe, significando que El Viejo Pancho “nunca olvidó su solar nativo, que recordaba con amor hasta en sus últimos momentos”. 

Na actualidade, a casa onde naceu Trelles, enclavada na “Ruta dos Indianos”, alberga a Delegación de Cultura do Concello de Ribadeo.

En 1956, o escritor Xulio Sigüenza (que viviu un tempo no Uruguai) entra na Real Academia Galega co discurso “Un gallego universal: José Alonso y Trelles, El Viejo Pancho”. O ano seguinte participaría na homenaxe rendida ao escritor en Ribadeo.

A grande homenaxe de Ribadeo ao seu ilustre fillo completouse cos actos celebrados en 1957, igualmente promovidos por Dionisio Gamallo Fierros, e organizados por unha Comisión que contou coa presidencia de honra do Catedrático de Dereito Internacional da Universidade de Santiago, Camilo Barcia Trelles.

El Progreso, 14/04/1957

El Progreso, 20/03/1957

El Progreso, 08/05/1957

O máis destacado destas celebracións foi a erección no Parque municipal de Ribadeo dun busto do poeta, obra do escultor uruguaio José Luis Zorrilla de San Martín, doado polos ribadenses residentes naquel país, figurando outro igual en El Tala, e un terceiro en Montevideo, na praza que leva ao seu nome. E inaugurouse a Biblioteca de Ribadeo, que leva o nome de “El Viejo Pancho”, iniciándose as xestións para adquirir a casa natal do poeta.

Viñeron con este motivo a Ribadeo os embaixadores de Arxentina e do Uruguai, e o Ministro de Información y Turismo de España, Gabriel Arias Salgado. Participou, así mesmo, o Alcalde de Vigo, por ser aquel porto o punto de partida do mozo Trelles cara ao Uruguai, e onde chegara desde Uruguai o busto colocado no centro de Ribadeo.    

En marzo de 1988, declarouse Monumento Histórico Nacional a casa de “El Viejo Pancho” en Tala.

Anualmente, celébranse en Ribadeo as xornadas “Mar por medio”. Nas do ano 1994, o 28 de xullo, Gustavo San Román, escritor e profesor uruguaio, descendente de galegos, falou sobre “El Viejo Pancho” no 70º aniversario da morte de Trelles.

En 1998, Gustavo San Ramón, publica no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades (Xunta de Galicia) “Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles”. Inclúe “Juan el loco”, “¡Guacha!!”, “Paja brava”, tres obras de teatro inéditas aportadas por Lucho Trelles (neto do escritor), a “Autobiografía” e outros textos.

En 2005 publicáronse as Obras Completas de “El Viejo Pancho”, tamén baixo a dirección de Gustavo San Román, que é tradución revisada da anterior, e incorpora novos textos inéditos rescatados por Magdalena Trelles (bisneta do escritor).  

No 150 aniversario de Alonso Trelles, en 2007, o 14, 15 e 16 de setembro, celebrouse en Ribadeo e Vilanova de Lourenzá o Congreso “Os vínculos culturales Galicia-Uruguay”, dirixido por Manuel Valín Valdés e Azucena González Loredo, e tendo a Gustavo San Román como coordinador académico e editor de actas (publicadas en Anáforas e na Universidade de St. Andrews), centrado nas figuras de “El Viejo Pancho” e Vicente Fernández e a súa filla, Juana de Ibarborou. 

Con este motivo, Francisco Trelles, neto de "El Viejo Pancho", doou ao ribadense Pablo Rodríguez Fernández, "Vivín", o fondo documental herdado do escritor, para que fose custodiado e estudado, e quedase para sempre na vila que viu nacer ao poeta. Entre ese legado está un poema, “Pensando en ti, Lola”, dedicado á súa noiva e futura esposa, que estivo depositado na Biblioteca Municipal de Ribadeo ata finais de 2023. Recentemente parte de dita documentación quedou plasmada no libro titulado "El Viejo Pancho, de Ribadeo a El Tala, pasando por Navia".

A fin de semana do 27 e 28 de xullo de 2024 houbo unha serie de eventos en conmemoración do centenario da morte de Alonso y Trelles. A súa obra inédita, “El rigor de las desdichas” foi posta en escena unha vez máis polo grupo de teatro de Ribadeo, baixo a dirección de Toni Deaño, o sábado 27 no Auditorio Municipal. O domingo houbo unha ofrenda floral coa presenza do cónsul de Uruguai, a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o alcalde de Ribadeo, á que seguiu unha eucaristía na Igrexa parroquial da vila.

Logo fíxose a presentación dunha Antoloxía poética bilingüe de Alonso e Trelles, editada con introdución e glosario de Gustavo San Román e tradución ao galego de Daniel Chapela e Belén Senín, na Casa do Concello. Trátase dunha edición de gran calidade, onde aparecen dez ilustracións a cor de artistas uruguaios contemporáneos e prólogos de autoridades galegas e uruguaias.  O libro por tanto representa o traballo conxunto de ambas nacións, e está dedicado aos pobos de Ribadeo e Tala “co desexo de fomentar lazos de fraternidades entre as dúas terras de José Alonso y Trelles”.

Noutro xesto de irmandamento entre as dúas patrias do escritor, Gustavo San Román preparou unha edición do teatro de Alonso y Trelles, que incluirá por primeira vez “El rigor de las desdichas”. O volume, que verá a luz en Montevideo antes de fins de 2024, correrá por conta do Instituto de Artes Dramáticas do Ministerio de Educación e Cultura de Uruguai.

Volver a índice

background

Algunha dúbida ou suxestión? Queres colaborar con nós?

Falemos!