El Viejo Pancho
Palabras sobre o Mago da Palabra
Texto de Xulio Xiz / Supervisión de Gustavo San Román
Autocaricatura de José Alonso y Trelles (09/02/1985)
O GALEGO TRELLES
Para Manuel María, “El Viejo Pancho” foi un poeta local. "Dun localismo feroz, poderíamos dicir. Daí a súa gloria e súa universalidade. Cando se puxo en contacto coa terra e as xentes do Uruguai, atopou o seu destino, a súa voz máis auténtica e a súa poesía foi verdadeira, adquirindo entón toda a súa dimensión dun gran poeta uruguaio, que conmoveu, nas súas máis fondas raíces, a alma dun pobo. Pero no fondo dos seus versos latexa unha vaga melancolía que adoitamos chamar saudade, como escribiu un poeta da Galicia actual. Latexa como un cauce subterráneo, un tremor emocional, un misterio melancólico e sotil, moi galego. Son restos atávicos dunha poesía vella, depurada polo tempo, feita de néboa, de misterio, de soedade, e de emoción pura, escrita por unha raza á que Alonso Trelles pertencía por nacimento. Unha raza vella, sentimental, melancólica, traballadora e viaxeira. Se “El Viejo Pancho” abriu no Uruguai o seu corazón ao amor, en Galicia abriu os seus ollos á luz".
Eduardo del Río afirma que “non hai máis que espir aos personaxes que en Paja Brava viven, sofren e pasan, para ver certamente que son personaxes galegos. Falan coa mesma voz sentenciosa dos nosos labregos; teñen a mesma ironía socarrona, o mesmo humor, e asumen sempre a mesma posición fronte á vida. O gaucho é un home galego como tantos e tantos miles que cruzaron a súa raza coas aborixes americanas, e na súa alma recén lavada selaron para sempre as nosas características espirituais”.
Nicolás Gropp - Universidad de la República. Montevideo. Entre outros textos, as súas obras de teatro amosan outra cara complementaria dun galego que chegou a América para quedarse, como tantos outros, pero que logrou no Uruguai algo que ningún deles lograría, alomenos nese grado: xogar de locatario sendo un inmigrante.
O NATIVISTA TRELLES
Manolo Suárez Suárez: Cando se fala de “nativismo” faise referencia á literatura en verso ou en prosa que reflicte o pensamento e o sentimento da enxebreza do mundo rural. O nativismo canta as tradicións do campo, a vida dos seus homes, o traballo, a paisaxe, e plasma nos versos a fala peculiar do mundo rural. José Alonso y Trelles, “El Viejo Pancho”, foi nas afastadas terras uruguaias un dos mellores poetas nativistas do país.
Martín Fernández Vizoso: Foi un emigrante que saíu de Ribadeo para gañar as Américas e as Américas acabaron por gañalo a el. Tanto se integrou, tan ben captou a lingua e o carácter da sociedade rural, que se convertiu no poeta Nacional do Uruguai .../… El, coma outros poetas nativistas, temía que os cambios sociais que acarreaban a modernización e as fortes ondas inmigratorias ían poñer en perigo a identidade nacional uruguaia.
Camilo Barcia Trelles: Foi un conquistador, non de terras nin de encomendas, senón de algo máis grande: do corazón dun pobo que soubo fundir co seu, reflectindo as súas emocións despois en composicións inmortais .../… poeta popular, gauchesco, que soubo aprisionar todo o que hai de esencial na alma uruguaia, reflectíndoo en composicións poéticas memorables.
TRELLES, PONTE ENTRE DOUS MUNDOS
Carlos Zubillaga, historiador uruguaio: Na inmigración galega existe unha ponte tendida entre o imaxinario rural de orixe e o imaxinario “gauchesco” dun mundo que foi, dunha idealización perdida. Trátase, polo mesmo, non tanto dun proceso de aculturación, senón máis ben de unha continuidade de actitudes culturais nun escenario diferente.
María de los Ángeles González (Universidad de la República, Uruguai): Cando o escritor chega ao país, o impulso inmigratorio de España e Italia ao Río de la Plata era fortísimo. En boa medida, a poesía gauchesca desde mediados do s. XIX tematizou o impacto inmigratorio e ata pode entenderse como unha afirmación da autenticidade do criollo, frente ao perigo de desdebuxamento desa identidade pola cada vez máis gravitante presencia de extranxeiros.
Gamallo Fierros: Obsérvase no carácter galego unha bisectriz temperamental en apariencia pedagóxica: dunha banda, o terco vencello á terra nativa, o apetito -case xeolóxico- de insertarse no sochán da entraña materna; e doutra, o impulso á emigración, a capacidade para cinguirse a moldes extraños, sobresaír na interpretación artística da alma de outros pobos e entregar o corazón a brisas diferentes e lonxanas para que o envolvan e o condicionen os aires e os costumes de outros países. E todo conciliable cun forte sentimento de nostalxia, coa ansia de retornar aos predios infantís e sentir outra vez a paz sedosa dos engados do fogar. Exemplo excepcional deste tipo de sicoloxías adaptables, ofrécenolo o provinciano de Lugo, José Alonso Trelles y Jarén, o poeta “indíxena” do Uruguai.
CRIOLLO E ROMÁNTICO
O escritor e crítico uruguaio Casimiro Monegal, di que foi “o que mellor sondou a alma gaucha e expresou en versos perdurables as pasións bravías, as dores e as tenruras das nosas Xulietas e dos nosos Romeos criollos”.
Luis Scarzolo Travieso, escritor, Uruguai: O máis admirado dos poetas criollos rioplatenses. O cantor máis criollo. O máis criollo dos galegos.
Gustavo Gallinal, historiador, escritor e político uruguaio: “El Viejo Pancho” non é un poeta gauchesco. A poesía típicamente gauchesca non é sentimental. O gaucho coñece o sufrimento pero non se comprace en saborealo voluptuosamente. Non coñece o tema amoroso. É sobrio e lacónico. O gaucho sentimental coma o salvaxe soñador e namorado foron fillos espirituais do romantismo. “El Viejo Pancho”, romántico na súa mocidade e no seu teatro, cambiou nos seus modos de expresión, pero non a súa íntima contextura espiritual que xa estaba definitivamente modelada. É un poeta lírico, vástago da gran familia romántica que se ramifica ata o infinito pero gardando todos os descendentes algo do perfil orixinario. Usou como instrumento verbal un idioma callado de modismos e xiros tomados da fala campesiña do tempo presente, porque a ninguén lle é dado substraerse á influencia do tempo no que vive, e non limpo tampouco da retórica cidadá.